04.26.10

A ‘caixa’ de Pandora

| Posted in Fotografía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en A ‘caixa’ de Pandora
04.20.10

O GOLPE DOS TORVOS

Estamos nun tempo torvo, onde a iniciativa semellan levala as togas torvas.
Aquel acto foi silenciado por case todos os medios, torvos ou non. Falo da primeira convocatoria pública de denuncia contra o proceso de queima de Baltasar Garzón, a que tivo lugar na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, o 25 de setembro do 2009. E alí xa se chamou a unha marea cívica, porque o caso Garzón non é un affaire persoal, non é un asunto que só afecte a un xuíz, ollado con maior ou menor simpatía. É un movemento torvo para pór un “punto final” que relixitime o franquismo pola vía indirecta de encausar a quen mellor encarna hoxe en España a loita por unha xustiza universal que persiga os crimes contra a humanidade. A ampliación dese espazo xurídico sería o único xeito de rematar cos tiranías e os xenocidios. Por desgraza, aínda hai moita xente, verbo do caso Garzón, que non é quen de estabelecer a diferenza entre discrepancias ou matices co que é a gran contradición principal: humanidade ou inhumanidade.
Que dicía o Manifesto do Obradoiro? Velaí vai: “Este lugar, a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, en Galicia, é un local universal.
O que nos convoca, o que nos autoconvoca hoxe aquí, ten un nome, Baltasar Garzón, e sobre todo é a causa que el, entre outros, abandeirou de xeito exemplar: a dunha xustiza universal. Unha xustiza, entrelazada á liberdade, que nos permita albiscar outro orde das cousas, un mundo mellor onde non haxa respiro para as organizacións mafiosas que todo o corrompen nin para aqueles usurpadores do poder que cometeron ou cometen crimes contra a humanidade. Read the rest of this entry »

| Posted in Sen clasificar | Comentarios desactivados en O GOLPE DOS TORVOS
04.19.10

OUTRA VEZ, OUTRA VEZ, OUTRA VEZ

Juan Gelman está estes días entre nós con esa condición de “Galego Escritor Universal”. Esa boa idea de que en Galicia pouse a esfera. Tecer o país da empatía. Ser brasón de náufragos, emigrantes e exilados. Ser nación de diáspora. Iso que tamén nos queren roubar coa complicidade de moitos despistados: o voto dos ausentes. Galicia naceu e renaceu na emigración, no exilio e nas factorías dos soños transatlánticos. Se nos amputan a diáspora, se escachizan a nosa “aldea global”, entón si, o derradeiro que apaghe a lus. Ficaremos nunha neo-provincia, votando os fantasmas interiores nos marmóricos predios da única industria en expansión: as Pompas Fúnebres. O voto dos emigrantes non é un atraso, non; pola contra, no mundo de hoxe é un espazo máis dos dereitos humanos e de partillar identidades. O que teñen que facer os políticos preguiceiros e pór en marcha dunha vez un sistema honesto de votación, que é, por certo, o que demandan os colectivos de emigrantes. Mais sempre é máis doado sacar a motoserra. Se se consuma, será outro paso, talvez o máis grave, no proceso de deconstrucción e subtracción: esgazar a Galicia territorial da Galicia da diáspora. Cómpre volver a reinvidicar a saudade, esa reserva de melancolía activa.
Dende hai tempo, nese mester de re-existir, préstame moito ler un poema de Juan Gelman, do libro “Si dulcemente” (escrito no exilio), moi sinxelo na feitura e moi denso de información histórica sentipensante,

ESPERAN
Vamos a empezar la lucha otra vez / el enemigo
está claro y vamos a empezar otra vez /
vamos a corregir los errores del alma/
sus malapenas / sus desastres / tantos compañeritos

derramados / hijitos derramados / vamos
a empezar / llegó el día con su
recordación de muerte / llegó la
noche con su recordación de muerte

llegó la muerte con su recordación/
nosotros vamos a empezar otra vez/
otra vez vamos a empezar/
otra vez vamos a empezar nosotros

contra la gran derrota del mundo/
compañeritos que no terminan/ o
arden en la memoria como fuegos/
otra vez/otra vez/ otra vez

| Posted in Artigos, Emigración, Poemas | Comentarios desactivados en OUTRA VEZ, OUTRA VEZ, OUTRA VEZ
04.17.10

XA NUNCA MÁIS UN DEUS CONFIARÁ NO MUNDO (John Montague)

| Posted in Ecoloxía, Fotografía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en XA NUNCA MÁIS UN DEUS CONFIARÁ NO MUNDO (John Montague)
04.17.10

ALALÁ DA NOITE (Con Berrogüeto)

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo miña nai.

No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se puidera afogare
na ardora dunha misteira.

O que soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi para aprender a mirare.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo miña nai.

| Posted in Poemas | Comentarios desactivados en ALALÁ DA NOITE (Con Berrogüeto)
04.13.10

O INCESTO CATASTRAL

Xa hai tempo que os políticos deixaron de utilizar en discursos a expresión Nai Terra ou Terra Nai, ou a aínda máis solemne de “Galicia, Nai e Señora”, tan cara aos conservadores que pregoaban un galeguismo do sentimento.
Que pasou? Que vén de pasar?
O incesto.
A violencia catastral é o xeito de denominar á vez o proceso especulativo e a desfeita territorial. Todo o que estamos a ver, dende a demouca legal aos proxectos en zonas de protección, indica a verdadeira natureza da chamada política urbanística: o incesto catastral.
Así que cando oimos: “Eu quero moito a miña Terra”. Debemos entender: “Quero foder á miña Nai!”.

| Posted in Artigos, Ecoloxía | Comentarios desactivados en O INCESTO CATASTRAL
04.11.10

A DORNA DA MEMORIA (Costa da Morte, abril 2010)

| Posted in Fotografía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en A DORNA DA MEMORIA (Costa da Morte, abril 2010)
04.11.10

A ARCA DOS LIBROS (Costa da Morte, IIª República)

| Posted in Fotografía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en A ARCA DOS LIBROS (Costa da Morte, IIª República)
04.9.10

MEU AMOR CONTRABANDISTA

Meu amor anda ás crebas pola beiramar.
Vai preñada de vento,
vai preñada de néboa,
do lóstrego vai,
todo o apaña
apáñao todo
coa luz belísima do seu vesgo ollar.
O que ben que leva co temporal,
como o amansa,
24 fotogramas por minuto,
a dureza mística,
a luz facinorosa
do seu pestanexar.
E el dálle zapatos sempre do mesmo pé,
o andar dos deuses
coxos do mar.
Meu amor enche o ventre
de seixos silábicos,
de runas, de aghoams,
de voces baixas,
pictogramas coprófagos
que crían nos excrementos da lúa.
Meu amor anda ás crebas pola beira da esfera,
nas estradas solitarias,
no ceo dos manequíns
onde rompen as nubes,
no cemiterio dos pingüíns xigantes
cos seus portafolios de naturezas mortas.
Vai preñada por dentro,
cara a dentro,
como unha guía en tempo de éxodo.
Ese ollar delincuente,
ese corpo de contrabandista de seda,
esa voz rouca.
Durmía cos ollos abertos meu amor.
Non sei vivir
sen o rumor do seu vesgo ollar.
Meu amor anda ás crebas na noite.
Apaña os restos aleixoados
do ben e do mal,
un cargamento ultramarino de esdrúxulas,
un fardo de cousas septiformes,
o contedor de frascos de potencias da alma.
Veni Sancte Spiritus,
meu amor atopou o bébedo Xonás.
Meu amor di que Xonás era el o gran peixe.
Xonás preñado de seu,
de abismo.
Meu amor funde os pés na area,
leva no ventre un arfar canso de nai virxe,
un canto de gorxa inuit,
o nome impronunciábel do mesmo temporal.
Meu amor vai parindo de pé
o poema da illa.
Sediame eu,
cercada polas ondas,
o corpo aberto,
a ollada fértil,
as mans vesgas
a amasar,
a levedar o tempo petrificado.
Et tui amoris in eis ignem accende
and kindle in them the fire of thy love.
Meu amor enténdose co mar,
ese fillo de puta,
meu amor.

(De “A desaparición da neve”, 2009)

| Posted in Poemas | Comentarios desactivados en MEU AMOR CONTRABANDISTA
04.7.10

A REPÚBLICA DE MONTE ALTO

| Posted in Sen clasificar | Comentarios desactivados en A REPÚBLICA DE MONTE ALTO