05.27.10

A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN (A Marcos Valcárcel)

Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
a suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída de tristura.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo.

| Posted in Fotografía, literatura, Poemas | Comentarios desactivados en A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN (A Marcos Valcárcel)
05.26.10

‘RUEDO IBÉRICO’

Gore Vidal dicía dos Estados Unidos que había dous grandes partidos: un conservador e outro reaccionario.
Soa con insistencia o nome de Francisco Vázquez, embaixador do Vaticano en España, como novo Defensor do Pobo. A dereita coruñesa está entusiasmada. Lóxico. Aínda non sabemos se o “socialista” Paco Vázquez é conservador ou reaccionario. Mais iso si: é un gran taurino!

| Posted in Artigos | Comentarios desactivados en ‘RUEDO IBÉRICO’
05.23.10

CAMILO E FERMÍN: PREMIADOS, EXILIADOS

O Pedrón de Ouro (e Honra) vén de ser entregado a dous exiliados.
A simboloxía do metal atinou a pousar neses nomes que son ouro de lei, mais ten o efecto de subliñar, de paso, a baixa calidade do metal que rexe na Galicia oficial.
Camilo Nogueira é o Parnell galego. Non se fartaron nunca de tirarlle presadas de sal aos ollos. Non só os “outros”, senón tamén algúns dos “seus”.
Fermín Bouza é un dos mellores cerebros deste país do que segue expulsado dende a época de estudante antifascista en 1968.
Como dirían os franceses, e neste panorama, ambos os dous teñen o problema de ser trop: demasiado lúcidos, demasiado honestos, demasiado traballadores, demasiado prácticos, demasiado utópicos, demasiado galeguistas, demasiado demócratas, demasiado capaces. Demasiado proféticos, no sentido de velas vir.
Falo dende a perspectiva dun pretérito presente, porque teño a esperanza do remeiro: para mellor ver e saber onde ir, ponse de costas e olla coa memoria. Esculca as referencias, as coordenadas, naquilo máis valioso, nos lugares que emiten luz.
Camilo e Fermín.

| Posted in Artigos | Comentarios desactivados en CAMILO E FERMÍN: PREMIADOS, EXILIADOS
05.20.10

A IMPOSICIÓN

As palabras vanse liberando dos secuestradores. Velaí a imposición lingüística, o Decreto torvo, o Malquerido. Por que esa teima na “educación infantil”, en afastar os meniños da lingua galega, en imporlles a ignorancia por orde dos proxenitores?
O aforismo: Quen tiña a chave escolleu o cadeado.

| Posted in aforismo, Lingua | Comentarios desactivados en A IMPOSICIÓN
05.18.10

PACTO E DECRETO (poema xornalístico)

O Presidente trouxo unha gran noticia: o gran pacto.
Queremos un gran pacto, dixo.
Queremos a paz, dixo.
Entón, retirarán a declaración de guerra,
o decreto de hostilidades?,
preguntou o xornalista máis inxenuo.
Ah, iso non!, respondeu o Presidente.
Non oíron falar da “paz hostil”?

| Posted in aforismo, Lingua, literatura, Poemas | Comentarios desactivados en PACTO E DECRETO (poema xornalístico)
05.18.10

MOULA LELOULA (Por Novoneyra, no Courel, 17 de maio 2010)


Todo o que pasou ó meu pobo, pasoume a min.
Todo o que pasou ó home, pasoume a min.
Así falou Uxío Novoneyra, a quen hoxe lembramos na terra na que el fixo que pousase a esfera para ser un centro do universo. O Courel, Galicia, a estrela do luceiro, os círculos todos do cosmos estaban aí, mais alguén tiña de termar, tiña de lindar, tiña de chamar polo soño da esfera para que pousase aquí. E facer do Courel a un tempo un escenario e un miradoiro sen paredes. Así que, por mor d’Os Eidos, dese primeiro círculo poético Uxío Novoneyra, podemos dicir que o Courel, como a Cumbria dos poetas lakistas, está no mapa dos espazos elixidos onde se encarnou con máis intensidade o que Luís Pimentel denominou “a maior milagre do mundo”. A poesía. Ese intre extraordinario, senti-pensante, no que a boca da humanidade enxamea e transmite de xeracións a xeracións verdades inexplicábeis por outros medios, verdades só visíbeis pola fiestra onde se tecen os “fius da auga” cos “fius do soño”. Aí onde o Cantar dos Cantares proclama con ledicia: “Chegado é o tempo da canción”. E en Uxío, “a canción moula leloula”. Mais tamén na estremeira da dor, César Vallejo di en Poemas Humanos: “Morreu a miña eternidade e estou a velala”. En Novoneyra, a eternidade aínda ten de andar, pois na bisbarra universal ten a tarefa do descoñecido: “ Vaise vaise / o camiño d’aire do aire polo aire / camiñando cara a un sitio aonde nunca foi nadie…” Read the rest of this entry »

| Posted in Ensaio, Fotografía, Lingua, literatura, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en MOULA LELOULA (Por Novoneyra, no Courel, 17 de maio 2010)
05.16.10

A CAZA A GARZÓN (O ‘macarthismo’ español, paso a paso)

Son dez artigos publicados no xornal El País, entre setembro do 2008 e o 15 de maio do 2010, un día despois de que se consumara a operación do acoso contra Baltasar Garzón, o único xuíz que intentou investigar os crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo, tanto o xenocido do que dan fe os máis de cen mil desaparecidos, os seres das “cunetas”, como o caso dos meniños roubados ás familias vencidas. Penso que compoñen un relato, paso a paso, deste episodio noxento de neofranquismo e “macarthismo” na España do século XXI.
La estrella (6.9.2008)A Baltasar Garzón se le atribuye como un estigma la condición de juez estrella. Es precisamente el periodismo más onanista y egocéntrico el que le reprocha un protagonismo excesivo. Y el brillo de la estrella de Garzón molesta también a esos personajes penumbrosos, perezosos y oblicuos que sólo se dignan salir del Castillo a la luz pública con un tintineo de llaves para reclamar la Justicia como una posesión corporativa. En cambio, y en relación con la Justicia, la imagen de la estrella a mí me remite siempre a un western que talló nuestras vidas desde la infancia. “High Noon”, dirigida por Zinnemann. Titulada en España “Solo ante el peligro”. Read the rest of this entry »

| Posted in Artigos, Ensaio, Lugares da Memoria, Sen clasificar | Comentarios desactivados en A CAZA A GARZÓN (O ‘macarthismo’ español, paso a paso)
05.16.10

A MEMORIA ECOLÓXICA DA MÚSICA


Palco de música de Vixoi (Bergondo, A Coruña)

| Posted in Ecoloxía, Fotografía, Lugares da Memoria, Música | Comentarios desactivados en A MEMORIA ECOLÓXICA DA MÚSICA
05.13.10

ESCRITO EN CERA BRAVA

Non hai canto a ningún “soporte” como o que fixo Baudri de Bourgueil ás súas táboas de cera, en “Ludendo de tabulis suis”, aló polo século XI:
“Oxalá os nosos xogos comúns se prolonguen eternamente; quero dicir: oxalá nunca me vexa privado das miñas táboas. Vivirei onda vós; vós vivides ao meu carón. Que á fin unha tumba única nos acolla. Amén”.
Agora que o penso, a mellor literatura semella estar escrita en cera. En cera brava. A que fan as abellas fóra da colmea.

| Posted in aforismo, Ecoloxía, literatura | Comentarios desactivados en ESCRITO EN CERA BRAVA
05.12.10

Carta ao paisano Varela verbo do xuíz Garzón

“Algo os ofende, porque sí, en el hombre y su tarea” (“A sus paisanos”, de Luis Cernuda)

| Posted in Artigos | Comentarios desactivados en Carta ao paisano Varela verbo do xuíz Garzón