06.1.11

Mil cans máis para Galicia!

Hai quen celebra o triunfo electoral ao xeito dos fanáticos futbolísticos, subliñando o afundimento do adversario. En plena crise, isto das eleccións locais fai lembrar o ocorrido no Titanic: moita xente inconsciente pelexaba por ocupar os mellores camarotes sen saber que o barco se estaba a ir a pique. Aquí, afundimento hai para todos. Agás para os que semellan flotar na chaisse longue, como os caricaturiza maxistralmente Peridis. Mais a confortábel chaisse longue debería ser en realidade un diván de psicanalista, onde cavilar sobre O malestar da cultura, unha das obras de Freud que mantén toda a súa vixencia. Para a política partidaria debería ser o tempo do diván. De remoer a rosa dos ventos. Repensar a política como algo diferente da simple loita ou posesión do poder.

Canto máis superficial e tolambrón é o espectáculo político, mais necesarios se fan o que os antigos gregos chamaban "os prados da verdade". Os eidos da esperanza. Alí onde rexe o mandamento de "non mandar". A linguaxe de "non dominar". Eses prados non son unha ilusión. Existen. Eu andei por eles en Cans. Mesmo percorrinos en chimpín! Esa é unha particularidade que podemos achegar dende a cultura galega. Ir a Aletheia, ao espazo da verdade, montados en chimpín. Mais eses hábitats onde agroman as verdades, a ecoloxía das palabras, están hoxe no corazón nas cidades. Nos campamentos de Indignados.

A crise que estamos a vivir non se mide só por parámetros económicos. Atinxe, por dicilo así, a corpos e almas. Éche, si, un malestar cultural. O arrepío ante un xeito de vida regresivo, coa face do que o filósofo italiano Raffaele Simone define como "o Monstro doce". Ese é tamén o título do seu polémico libro, Il mostro mite. Percé l'Occidente non va a sinistra (Garzanti Libri, Milán), cun contido pesimista de fondo que leva a Rémi Lefebvre, en Le Monde Diplomatique, a lanzar esta interrogante: "Está a virar a historia á dereita?".

Pois semella que si. En case todas partes, mais en especial en Europa, se nos atemos ao que din as contas electorais e tamén ao que non din, estase a virar á dereita. Mais non a unha dereita calquera, senón a un Ogro que oculta a face escura. Esta expansión dereitista, o Monstro edulcorado, ten por correlato o derrube socialdemócrata e a decadencia das ideas que sustentaron tradicionalmente á esquerda. A nova-vella dereita fica absolta do desastre que provocou. A esquerda cínica e cativa non foi quen de combater ese meigallo. A marea dereitista respondería a unha nova hexemonía cultural, que se expresa cun curioso paradoxo: a cultura da incultura, a razón irracional, a política apolítica. De que materia está feita este Monstro que se fai simpático ás multitudes? "Ultra-capitalista, predica o éxito, a riqueza e despreza as actividades intelectuais".

A berlusconización, a filosofía bling-bling da troupe de Sarkozy, serían algunhas das expresións estéticas deste Ogro doce. Todo semella un espectáculo alleo, até que vemos como asoman as caras máis feas: o aplauso e o voto á corrupción, o contaxio pandémico da xenofobia.

Mais semella existir unha estraña lei de compensación histórica. Dicía Juan Rulfo que os indios zapotecas non perderían endexamais o seu rumbo: abondáballes cun vagalume. E é certo que un vagalume pode poñer en evidencia a un Monstro, doce ou non. Cando comezaron a agromar os campamentos de Indignados semellaban ser plantas silvestres dunha primavera que axiña murcharía. Non sei se durarán pouco ou moito, mais o primeiro paso, o máis importante, está dado. O dicir non a todo isto. Unha negación que abrangue, como n'O home rebelde de Albert Camus, moitas afirmacións. Que abraza un si a outro mundo.

Unha das mensaxes vagalume que se repite nos campamentos das prazas de España di: "Se non nos deixades soñar, non vos deixaremos durmir". Hai outro vagalume que se repite e que naceu dun verso de Lois Pereiro: "A indeferenza mata".

A casualidade e a causalidade conflúen nos "prados da verdade". Por iso Lois Pereiro, o primeiro ocupante este ano das Letras Galegas, reapareceu como vagalume nos murais da Porta de Sol. Nese hábitat, a súa poética insurxente, e os anacos da Modesta proposición, acada un sentido especial, un significado, con moita máis información da que podía achegar un longo discurso. É incríbel como "o fío solto dun soño" vai tecendo urdidos nun universo que se expande.

Neste contexto regresivo, irracional, onde a nova máscara monoteísta é o Mercado (pobre de Deus!), asistimos a esta clase de milagres obra de vagalumes. Que un mozo poeta, abatido por velenos, considerado marxinal, retornara coa palabra necesaria, agasallara coa súa voz a tanto náufrago, espallase marabilla e rebeldía a un tempo, ese é un milagre xa proclamado por Luís Pimentel: a poesía é a maior milagre do mundo! E cando pasan cousas así, hai que crelo. As muxicas dos poemas de Lois pairan agora polos prados da verdade.

Iso que chamamos milagre é unha conxunción de enerxías do desexo. Mais ten que haber un levedo. A idea. A semente. A imaxinación.

O mesmo día que penduraban os poemas e aforismos de Lois no campamento de Indignados de Sol, en contexto diferente, nunha pequena aldea invisíbel, a carón da autovía Vigo-Ourense, Fernando León sementaba verdades nos Coloquios da Leira. Un ágora á intemperie onde dicir o que non se adoita dicir. Alí, baixo o sol, coa testemuña protectora do monte Castelo, falábase de cinema de verdade. E durante días, en galpóns, cabanas, hortas, galiñeiros, en leiras e adro, agromaba, e xa van oito anos, outra milagre. O festival de Cans.

Naceu como una ironía fonética, ese xogo de Cans e Cannes. Mais no maxín de que atinou con "ese fío solto dun soño", Alfonso Pato, había algo máis que retranca. Toda unha proposta alternativa. E a confianza no chafariz da cultura popular. Porque as fontes aínda non secaron en Galicia. E cando secaron, se hai confluencia dos desexos, se Eros non emigrou, volven a borboriñar e reverdecer os "prados da verdade". Mil primaveras, si. E mil Cans para Galicia!

| Posted in Artigos, Criticas, insurxencias, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en Mil cans máis para Galicia!