05.20.10

A IMPOSICIÓN

As palabras vanse liberando dos secuestradores. Velaí a imposición lingüística, o Decreto torvo, o Malquerido. Por que esa teima na “educación infantil”, en afastar os meniños da lingua galega, en imporlles a ignorancia por orde dos proxenitores?
O aforismo: Quen tiña a chave escolleu o cadeado.

| Posted in aforismo, Lingua | Comentarios desactivados en A IMPOSICIÓN
05.18.10

PACTO E DECRETO (poema xornalístico)

O Presidente trouxo unha gran noticia: o gran pacto.
Queremos un gran pacto, dixo.
Queremos a paz, dixo.
Entón, retirarán a declaración de guerra,
o decreto de hostilidades?,
preguntou o xornalista máis inxenuo.
Ah, iso non!, respondeu o Presidente.
Non oíron falar da “paz hostil”?

| Posted in aforismo, Lingua, literatura, Poemas | Comentarios desactivados en PACTO E DECRETO (poema xornalístico)
05.13.10

ESCRITO EN CERA BRAVA

Non hai canto a ningún “soporte” como o que fixo Baudri de Bourgueil ás súas táboas de cera, en “Ludendo de tabulis suis”, aló polo século XI:
“Oxalá os nosos xogos comúns se prolonguen eternamente; quero dicir: oxalá nunca me vexa privado das miñas táboas. Vivirei onda vós; vós vivides ao meu carón. Que á fin unha tumba única nos acolla. Amén”.
Agora que o penso, a mellor literatura semella estar escrita en cera. En cera brava. A que fan as abellas fóra da colmea.

| Posted in aforismo, Ecoloxía, literatura | Comentarios desactivados en ESCRITO EN CERA BRAVA