06.22.10

A manufactura mítica


Pepe Galán: Brétema en Camariñas
Pepegalán é o nome que recibe un xeito especial de facer enxertos de maxín humano na natureza. Á súa vez, o nome procede dun lendario experto neste mester de enxertos artísticos que viviu na Galiza de acabalo dos séculos XX e XXI, na chamada Idade dos Combustíbeis Fósiles, na cidade portuaria da Coruña, antes de que a Gran Chea do Océano a devolvera á condición de illa do Far.
De Pepe Galán, da súa vida, sabemos que era un home libre, que mantiña o seu propio obradoiro, e que foi xeneroso e valente cando cumpría. Xustamente existe testemuña da súa presenza, en vellas fotografías analóxicas ou virtuais, tomando parte en denuncias contra os crimes ecolóxicos ocorridos naquel tempo e que deron lugar á crise medioambiental que afectou a todo o planeta e puxo en perigo a propia existencia dos animais humanos e non humanos.
Á vista do ocorrido coa obra de Galán, poderíamos dicir que a arte protexe os seus, sobre todo naqueles nos que se dá unha pescuda auténtica, que refuga as modalidades de copia ou a reprodución decorativa, e que se entrega á empatía, á creación de variedades, formas, metamorfoses, fecundacións e á serie de combinacións alélicas.
Así nos atopamos con que a obra de Galán non foi, senón que é.
Non se deixa mirar, non se deixa posuír. Ou non lle abonda con ser mirada. Apreixa a ollada de quen olla para liberar significado ao tempo que libera a quen a olla. Sitúanos no espazo dun feitizo desacougante. Alén das aduanas, das estacións, dos peiraos. Nun territorio onde o goce é risco, onde os enxertos reviritan e rabuñan, e os metais loitan coa vontade dos vexetais límites polo dereito a ter unha forma. Unha face coa que encarar a tempestade.
Si, a natureza berra en Galán o seu morse de silencios. Atopou no seu obradoiro unha factoría de subversión. A singularidade desta representación é que non é unha manifestación máis ou menos previsíbel senón o resultado dunha comunicación conflitiva, dun combate fértil. A metamorfose é catártica. Ese xeito de produción fai que toda a manufactura de Galán, mesmo a de aparencia máis “prosaica”, teña esa áurea do mítico.
En suma, tanto no mester de vivir como no crear, o lendario Pepe Galán foi algo máis que un loitador da arte da biodiversidade contra a bioperversidade. Mesmo cando florecen as ferruxes en cores de begonia, semellando que el anda por alí, cos petos cheos do pole que desprenden os guindastres e unha maleta chea de terra de Betanzos e sementes de letra Set.

| Posted in Artes, Artigos, Ecoloxía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en A manufactura mítica
06.2.10

POSTAL PARA NORUEGA (Cabo Vilano)


Velaí,
onde naceran os ollos
da flor de namorar,
o sepulcro da miña ollada.
Decapitado o día,
só o faro compensa na noite
o silencio afogado dos peixes
no viveiro da morte.

A imaxe mostra o impacto da “piscifactoría”, de capital noruegués, autorizada no derradeiro consello da Xunta de Fraga, e que estragou para sempre un dos máis senlleiros espazos naturais na beiramar da Galiza, o do cabo Vilano, na Costa da Morte.

| Posted in Ecoloxía, Fotografía, Lugares da Memoria, Poemas | Comentarios desactivados en POSTAL PARA NORUEGA (Cabo Vilano)
05.16.10

A MEMORIA ECOLÓXICA DA MÚSICA


Palco de música de Vixoi (Bergondo, A Coruña)

| Posted in Ecoloxía, Fotografía, Lugares da Memoria, Música | Comentarios desactivados en A MEMORIA ECOLÓXICA DA MÚSICA
05.13.10

ESCRITO EN CERA BRAVA

Non hai canto a ningún “soporte” como o que fixo Baudri de Bourgueil ás súas táboas de cera, en “Ludendo de tabulis suis”, aló polo século XI:
“Oxalá os nosos xogos comúns se prolonguen eternamente; quero dicir: oxalá nunca me vexa privado das miñas táboas. Vivirei onda vós; vós vivides ao meu carón. Que á fin unha tumba única nos acolla. Amén”.
Agora que o penso, a mellor literatura semella estar escrita en cera. En cera brava. A que fan as abellas fóra da colmea.

| Posted in aforismo, Ecoloxía, literatura | Comentarios desactivados en ESCRITO EN CERA BRAVA
05.9.10

GIUSEPPE VERDI E A “GUERRA SUCIA” CONTRA O GALEGO

Giuseppe Verdi estaba tan comprometido coa liberdade, na vida e na creación, que sempre resulta actual. Está moi ben que miles de persoas vibren en A Coruña, no festival de Opera, cando se pon en escena algunha das súas obras. Así foi o ano pasado co seu “Macbeth” e foi o sábado, 8 de maio, coa Messa di Requiem, dedicada a súa compañeiro de loitas o poeta Manzoni. Mais estaría ben tamén que ademais do goce estético das obras de Verdi se sentira algo do que el expresou a respecto da humanidade. É dicir, que deixaramos “voar os pensamentos” (Va, pensiero, sull’ali dorate…) e sentir até que punto nos poden interpelar sobre o mundo no que vivimos. E moi en particular na Galicia de hoxe, onde se está a perpetrar, con tantas conciencias en suspenso, o espolio da biodiversidade, na natureza e na cultura, e a subtracción do máis valioso patrimonio da nosa historia: o idioma de Galicia. A máis complexa e laboriosa creación espiritual: a lingua de Galicia. Falamos outras linguas, mais Galiza foi o berce do galego ou galego-portugués, que hoxe é unha lingua universal. De non mediar axiña unha reacción masiva contra o sinistro e torvo decreto do actual Goberno para o galego no ensino, de non pararse esta “guerra sucia” contra o galego, estariamos baixando un chanzo máis na degradación como pobo e situándonos en coordenadas límites cara a extinción real da lingua a mediados deste século. A igual que na defensa dos recursos naturais, o compromiso de conservación da lingua é unha obriga ética coas xeracións do futuro e co resto da humanidade: correspóndenos a custodia dese valor.
Os miles de persoas que escoitan as obras de Verdi engaioladas no palacio da Opera da Coruña, e que aplauden con paixón durante longos minutos, farían ben en pensar durante uns segundos que fíos hai hoxe entre aquilo que Verdi expresou de xeito sublime e o que sucede neste tempo de nós:
Va, pensiero, sull’ali dorate,
va, ti posa sui clivi, sui colli,
ore olezzano tepide e molli
l’aure dolci del suolo natal!
(…)
Oh, mia patria si bella e perduta
Oh, remembranza si cara e fatal!

(O canto dos escravos hebreos en “Nabucco”)

| Posted in Artigos, Ecoloxía | Comentarios desactivados en GIUSEPPE VERDI E A “GUERRA SUCIA” CONTRA O GALEGO
05.3.10

Teses de Filosofía da Historia (I)

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/hl_RSYvS9Wo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

| Posted in Ecoloxía, Ensaio, literatura, Lugares da Memoria, Poemas, video | Comentarios desactivados en Teses de Filosofía da Historia (I)
05.3.10

ASÍ SE FAI UN POEMA

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/DjWpSodu1d0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

| Posted in Ecoloxía, Lugares da Memoria, Poemas, video | Comentarios desactivados en ASÍ SE FAI UN POEMA
05.3.10

TOXO QUE TERMA DO HUMUS DO CEO

MVI_416

| Posted in Ecoloxía, Lugares da Memoria, video | Comentarios desactivados en TOXO QUE TERMA DO HUMUS DO CEO
04.17.10

XA NUNCA MÁIS UN DEUS CONFIARÁ NO MUNDO (John Montague)

| Posted in Ecoloxía, Fotografía, Lugares da Memoria | Comentarios desactivados en XA NUNCA MÁIS UN DEUS CONFIARÁ NO MUNDO (John Montague)
04.13.10

O INCESTO CATASTRAL

Xa hai tempo que os políticos deixaron de utilizar en discursos a expresión Nai Terra ou Terra Nai, ou a aínda máis solemne de “Galicia, Nai e Señora”, tan cara aos conservadores que pregoaban un galeguismo do sentimento.
Que pasou? Que vén de pasar?
O incesto.
A violencia catastral é o xeito de denominar á vez o proceso especulativo e a desfeita territorial. Todo o que estamos a ver, dende a demouca legal aos proxectos en zonas de protección, indica a verdadeira natureza da chamada política urbanística: o incesto catastral.
Así que cando oimos: “Eu quero moito a miña Terra”. Debemos entender: “Quero foder á miña Nai!”.

| Posted in Artigos, Ecoloxía | Comentarios desactivados en O INCESTO CATASTRAL