05.12.10

O ‘HOTEL’ DOS EMIGRANTES (Porto de Bos Aires)


O país portátil, a nación do desexo
Xunto co “poema visual”, inspirado na vella sala de cuarentena do ironicamente chamado “Hotel dos Emigrantes”, na Dársena de Bos Aires, rescato este texto, en lembranza de Chacabuco, 955, e a prol do voto dos emigrantes nas eleccións galegas. E fágoo fronte ao desnorte do actual nacionalismo galego que xustamente debería encabezar a campaña para defender o espazo dos dereitos democráticos aquén e alén das fronteiras “estatais”. A subtracción do voto emigrante reforzaría un proceso de demouca, deconstrucción e desuniversalización de Galicia. Coido que é un grave erro táctico, estratéxico e óptico que se debería revisar con urxencia e que só vai beneficiar á dereita que acabará tecendo aínda máis a arañeira na diáspora, mentres o galeguismo e a esquerda, e especialmente o galeguismo, fican de “malos da película”. Que paradoxo! Fóra de xogo os que sobreviviron no corazón do exilio e da emigración. Algúns maxíns tan benintencionados como despistados historicamente, ou non entenden ou desentenden ou caen nunha visión territorial administrativa e provinciana do que Galicia é, esquecendo que unha comunidade está integrada pola xente que partilla dereitos e vontade para formala. Os esforzos dos galegos “metropolitanos” deberían orientarse ao mantenimento dos dereitos dos nosos emigrantes e, ao tempo, á conquista dos dereitos de participación política dos inmigrantes que actualmente viven e traballan na nosa terra, que son os nosos conveciños veñan de onde veñan e fan que Galicia non esmoreza, como dicía un vello do Courel, “desadornada de xente”. Read the rest of this entry »

| Posted in Artigos, Emigración, Fotografía, Lugares da Memoria, Poemas | Comentarios desactivados en O ‘HOTEL’ DOS EMIGRANTES (Porto de Bos Aires)
04.19.10

OUTRA VEZ, OUTRA VEZ, OUTRA VEZ

Juan Gelman está estes días entre nós con esa condición de “Galego Escritor Universal”. Esa boa idea de que en Galicia pouse a esfera. Tecer o país da empatía. Ser brasón de náufragos, emigrantes e exilados. Ser nación de diáspora. Iso que tamén nos queren roubar coa complicidade de moitos despistados: o voto dos ausentes. Galicia naceu e renaceu na emigración, no exilio e nas factorías dos soños transatlánticos. Se nos amputan a diáspora, se escachizan a nosa “aldea global”, entón si, o derradeiro que apaghe a lus. Ficaremos nunha neo-provincia, votando os fantasmas interiores nos marmóricos predios da única industria en expansión: as Pompas Fúnebres. O voto dos emigrantes non é un atraso, non; pola contra, no mundo de hoxe é un espazo máis dos dereitos humanos e de partillar identidades. O que teñen que facer os políticos preguiceiros e pór en marcha dunha vez un sistema honesto de votación, que é, por certo, o que demandan os colectivos de emigrantes. Mais sempre é máis doado sacar a motoserra. Se se consuma, será outro paso, talvez o máis grave, no proceso de deconstrucción e subtracción: esgazar a Galicia territorial da Galicia da diáspora. Cómpre volver a reinvidicar a saudade, esa reserva de melancolía activa.
Dende hai tempo, nese mester de re-existir, préstame moito ler un poema de Juan Gelman, do libro “Si dulcemente” (escrito no exilio), moi sinxelo na feitura e moi denso de información histórica sentipensante,

ESPERAN
Vamos a empezar la lucha otra vez / el enemigo
está claro y vamos a empezar otra vez /
vamos a corregir los errores del alma/
sus malapenas / sus desastres / tantos compañeritos

derramados / hijitos derramados / vamos
a empezar / llegó el día con su
recordación de muerte / llegó la
noche con su recordación de muerte

llegó la muerte con su recordación/
nosotros vamos a empezar otra vez/
otra vez vamos a empezar/
otra vez vamos a empezar nosotros

contra la gran derrota del mundo/
compañeritos que no terminan/ o
arden en la memoria como fuegos/
otra vez/otra vez/ otra vez

| Posted in Artigos, Emigración, Poemas | Comentarios desactivados en OUTRA VEZ, OUTRA VEZ, OUTRA VEZ
03.20.10

A maleta do emigrante