04.7.10

O PREGÓN DO MONTE ALTO

Achégase o 14 de abril, aniversario da República, e talvez sexa un bo intre para rescatar o texto (poético) do Pregón de Festas de Monte Alto, que recitamos e cantamos na compaña de Os Diplomáticos, a noite de ardora do 4 de setembro de 1998, dende un palco xustamente situado entre o vello cárcere da Coruña, a Torre de Hércules e o cemiterio mariño de Santo Amaro. Foi unha xornada moi especial para nós. Antes escribiramos nas lindes do manuscrito da terra: nun roteiro pola beiramar da península da Torre, tendo por guieiro de honra ao percebeiro señor Mariñas, fomos chantando letreiros cos nomes de cons e penedos. Unha toponimia e hidronimia da liberdade, logo destruída polos herdeiros de Tánatos. Daquel acto contra “a hemorraxia interna” e daquel andar da escrita esquecida naceu a idea para erguer o memorial no Campo da Rata. Outros apropiáronse da idea para deixar a súa pegada na pedra. Que mais ten. O caso é que se fixo. Que o lugar do terror agora fala ceibe. É esta tamén unha boa ocasión para expresar a solidariedade cos herdeiros da Xeración Consciente, dos que manteñen a imaxinación libertaria a contravento na Casa das Atochas. E de tamén arrenegar contra a depredación e a violencia catrastral, a especulación, esa forma de guerra contra o territorio do gozo e a convivencia. Hoxe, no Monte Alto, en calquera recanto, podemos ver escorregar polas paredes as lágrimas de Eros.
Velaí vai aquel Pregón de Monte Alto: Read the rest of this entry »

| Posted in Poemas | Comentarios desactivados en O PREGÓN DO MONTE ALTO
04.4.10

MICROCOSMOS

Amor,
ten de min.
ten de ti.
Que pasar a Marola
é pasar a mar toda.

O primeiro círculo,
o exilio da ollada,
ese illote ceibe,
o das almas fanadas.

Amor,
ten de min,
ten de ti.
Que pasar a Marola
é pasar a mar toda.

O círculo primeiro
onde a esfera pousou,
o berro derradeiro
que o mar eternizou.

Amor
ten de min,
ten de ti.
Que pasar a Marola
é pasar a mar toda.

Eilo berce no que choras,
eila canción que máis amas,
eila lembranza que acoras,
eilo segredo que calas.

| Posted in Poemas | Comentarios desactivados en MICROCOSMOS
03.20.10

A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN

Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
o suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo.