O GOLPE DOS TORVOS

Estamos nun tempo torvo, onde a iniciativa semellan levala as togas torvas.
Aquel acto foi silenciado por case todos os medios, torvos ou non. Falo da primeira convocatoria pública de denuncia contra o proceso de queima de Baltasar Garzón, a que tivo lugar na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, o 25 de setembro do 2009. E alí xa se chamou a unha marea cívica, porque o caso Garzón non é un affaire persoal, non é un asunto que só afecte a un xuíz, ollado con maior ou menor simpatía. É un movemento torvo para pór un “punto final” que relixitime o franquismo pola vía indirecta de encausar a quen mellor encarna hoxe en España a loita por unha xustiza universal que persiga os crimes contra a humanidade. A ampliación dese espazo xurídico sería o único xeito de rematar cos tiranías e os xenocidios. Por desgraza, aínda hai moita xente, verbo do caso Garzón, que non é quen de estabelecer a diferenza entre discrepancias ou matices co que é a gran contradición principal: humanidade ou inhumanidade.
Que dicía o Manifesto do Obradoiro? Velaí vai: “Este lugar, a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, en Galicia, é un local universal.
O que nos convoca, o que nos autoconvoca hoxe aquí, ten un nome, Baltasar Garzón, e sobre todo é a causa que el, entre outros, abandeirou de xeito exemplar: a dunha xustiza universal. Unha xustiza, entrelazada á liberdade, que nos permita albiscar outro orde das cousas, un mundo mellor onde non haxa respiro para as organizacións mafiosas que todo o corrompen nin para aqueles usurpadores do poder que cometeron ou cometen crimes contra a humanidade.
Talvez algúns se sorprendan, por ignorancia, mais non é nada casual que este primeiro acto de solidariedade con Baltasar Garzón teña lugar aquí, na capital de Galicia.
Durante as últimas décadas Baltasar Garzón foi un xuíz pioneiro en moitos eidos. Podemos enumerar algúns: a loita a prol da defensa dos dereitos humanos, a loita contra a corrupción política, a loita contra os crimes do terrorismo, tamén contra o terrorismo de Estado, , a loita para que os ditadores e os seus verdugos pagaran os crimes contra a humanidade, a loita contra as vellas e as novas mafias. Tamén en Galicia foi pioneiro, tamén en Galicia demostrou a profesionalidade, entrega e valor, e fixo un traballo exemplar que representou un cambio histórico na loita contra as redes do narcotráfico e as súas estruturas criminosas, senón que se implicou –co corazón na man, hai que dicilo- no apoio as asociacións de axuda aos drogodependentes e na creación e expansión dos centros de rehabilitación da toxicomanía.
Foi quen de impulsar unha lei tamén exemplar, a lei de fondo; que o patrimonio incautado aos narcotraficantes fose destinado á reinserción e cura da drogodependencia.
El daquela fixo o que poucos fixeran: escoitar ás nais e as familias, ás vítimas do negocio da droga.
Escoitou aos que non tiñan voz.
E iso foi o que fixo sempre.
Escoitou ás nais da Praza de Maio, ás que chamaban daquela “as tolas”. E púxose con elas a buscar os fillos desaparecidos e a pescudar o xeito de deter e levar ante a Xustiza aos ditadores e aos seus esbirros.
Escoitou aos indíxenas en América Latina, e apoiounos na súa loita polos dereitos humanos.
Este foron algúns dos chanzos que foi subindo Garzón con moito esforzo e que levaron a asociacións de todo o mundo a propoñelo como premio Nobel da Paz, unha proposta que nós hoxe queremos renovar dende aquí.
A súa, sabédelo ben, é unha historia de dignidade, de moito esforzo. A historia dun home do que podemos dicir que abasteceu sen acougo á sociedade de xustiza e de esperanza.
Agora vén unha segunda parte.
O que nos convoca hoxe tamén no local universal é unha dor cívica, unha tristura democrática e un sentimento de vergoña colectiva. O que nos convoca aquí, de xeito voluntario, espontáneo, é a percepción de que se está a cometer unha grande inxustiza contra a xustiza. O caso Garzón non o vemos soamente como un asunto persoal, un mais dos affaires que van e veñen no Ruedo Ibérico. Non. A queima simbólica de Garzón, o auto de fe ao que está sendo sometido, o patíbulo mediático, ten consecuencias para toda a sociedade democrática. Cando se queima un símbolo da xustiza queimase a base mesma da xustiza.
Os que estamos aquí e cremos que a maioría da sociedade española está a percibir o calvario do xuíz Garzón, os intentos de apartalo da súa función despois de décadas de traballo exemplar, como unha vendeta, unha represalia de poderes escuros, ou amparados na escuridade, contra quen destapou o caso Gürte, o cheiro da corrupción no eido da política con prominentes protagonistas. Percibímolo tamén como unha vendeta, unha represalia, por atreverse a abrir a “caixa negra” dos horrores do franquismo e defender as vítimas dos crimes imprescritibeis cometidos no tempo dese estado criminal, da natureza do de Hitler e Mussolini, que foi a ditadura.
Nós non imos calar. Non imos deixar caer a dignidade democrática para que escache no chan.
Manuel Azaña dixo un día que as forzas retrógradas pretenderon sempre facernos crer que o sentimento de liberdade era en España un pequeno regato, cando en realidade era o máis grande dos ríos. E así segue a ser. A sociedade española ten de mobilizarse civicamente para rexeitar esta inxustiza que está a escandalizar aos cidadáns informados de todo o mundo, como veñen de denunciar as asociacións internacionais de xuristas.
Dise por algúns, para xustificar este esperpento, que todos os cidadáns son iguais ante a lei e que o señor Garzón non pode ter un trato diferente. Mais o que percibimos xustamente é que Baltasar Garzón está a ter un trato diferente, desigual e desmerecedor. Unha e outra vez volve a ser investigado ou imputado por denuncias de descarada mala fe e que xa foran resoltas ao seu favor noutras instancias do poder xudicial. Consideramos que os nosos representantes democráticos, ben no Parlamento ben no Goberno, xa non deberían manterse en silencio ante a manifesta anormalidade deste caso que se prolonga no tempo. Hai ocasións en que exercer a liberdade de expresión non é só un dereito senón tamén unha obriga. O caso Garzón vai camiño de converterse no noso caso Dreyfus, se non se resolve axiña con xustiza. E o que é unha voz baixa vai camiño de converterse nun clamor público ante o que se percibe como un noxento agravio, vendo como presuntos corruptos, personaxes prominentes, zafan da lei mentres un home xusto pasa por un estado de sospeita interminábel.
Nós, dende Galicia, chamamos a que se poña en marcha unha marea cívica, de solidariedade con Baltasar Garzón. Hai que pór fin á suspensión das conciencias e á conspiración de silencio.
Que saiba Garzón que non é un solitario ante o perigo. A sociedade honesta, a sociedade esperta, a sociedade que non achanta nin ante os violentos, nin ante o narcotráfico, nin ante a corrupción política, a sociedade con memoria democrática, a que ten o Adn da liberdade e non acepta conspiracións de silencio, esa sociedade está con Baltasar Garzón.
É un cruel sarcasmo que a única persoa imputada a respecto dos crimes do réxime fascista español sexa xustamente o primeiro xuíz que se atreveu a investigar eses crimes. Estamos ante un episodio máis da Historia Universal da Infamia.

Nós tamén somos un símbolo. Un círculo simbólico neste espazo universal, integrado por voces da sociedade civil, esa sociedade que tanto se invoca máis que tanto se despreza cando realmente emerxe.
Aquí estamos voces de
Asociacións para a Recuperación da Memoria Histórica,
Voces de Asociacións de loita contra o narcotráfico,
Voces de entidades que traballan na rehabilitación das drogodependencias,
Voces do ensino e de sectores pedagóxicos como o Seminario educativo pola Paz,
Voces de asociacións profesionais significadas na defensa dos dereitos democráticos, como o Colexio de Xornalistas de Galicia ou o Pen-Clube de Escritores de Galicia.
Voces de asociacións de defensa dos dereitos dos traballadores e emigrantes, como os sindicatos…
Voces honestas e independentes que tanto teñen traballado pola democracia e pola xustiza, como a do editor, artista e memorialista Isaac Diaz Pardo.

Sabemos que son moitas, moitísimas, as persoas que comparten o motivo desta convocatoria,
A solidariedade con Baltasar Garzón,
E o apoio á causa que el representa, unha xustiza non manexada polos poderes escuros.
Por iso chamamos a unha marea cívica.
Galicia con Garzón. España con Garzón. América Latina con Garzón. Alí onde sexa, con Garzón e pola xustiza universal.

Santiago de Compostela, 25.9.2009

| Abril 20th, 2010 | Posted in Sen clasificar |

Comments are closed.