O ‘HOTEL’ DOS EMIGRANTES (Porto de Bos Aires)


O país portátil, a nación do desexo
Xunto co “poema visual”, inspirado na vella sala de cuarentena do ironicamente chamado “Hotel dos Emigrantes”, na Dársena de Bos Aires, rescato este texto, en lembranza de Chacabuco, 955, e a prol do voto dos emigrantes nas eleccións galegas. E fágoo fronte ao desnorte do actual nacionalismo galego que xustamente debería encabezar a campaña para defender o espazo dos dereitos democráticos aquén e alén das fronteiras “estatais”. A subtracción do voto emigrante reforzaría un proceso de demouca, deconstrucción e desuniversalización de Galicia. Coido que é un grave erro táctico, estratéxico e óptico que se debería revisar con urxencia e que só vai beneficiar á dereita que acabará tecendo aínda máis a arañeira na diáspora, mentres o galeguismo e a esquerda, e especialmente o galeguismo, fican de “malos da película”. Que paradoxo! Fóra de xogo os que sobreviviron no corazón do exilio e da emigración. Algúns maxíns tan benintencionados como despistados historicamente, ou non entenden ou desentenden ou caen nunha visión territorial administrativa e provinciana do que Galicia é, esquecendo que unha comunidade está integrada pola xente que partilla dereitos e vontade para formala. Os esforzos dos galegos “metropolitanos” deberían orientarse ao mantenimento dos dereitos dos nosos emigrantes e, ao tempo, á conquista dos dereitos de participación política dos inmigrantes que actualmente viven e traballan na nosa terra, que son os nosos conveciños veñan de onde veñan e fan que Galicia non esmoreza, como dicía un vello do Courel, “desadornada de xente”.
Velaí vai “Chacabuco, 955”:
Hai unha grande diferenza entre rumor e ruído. O ruído vén ser a falla de sentido. Roland Barthes dicía que, pola contra, no rumor da linguaxe pode escoitarse a fruición do sentido.
Iso é o que un escoita no Hotel dos Emigrantes, na antiga dársena de Bos Aires. O rumor do sentido. O roce íntimo da historia anónima de Galicia, tal vez a máis épica e menos narrada.
Aquí chegaba un vapor, ás veces, dous, ao día, cun mínimo de 900 persoas á procura do soño americano, da terra prometida. Como quen di, aínda están a contalas. Hai un moi provisorio Museo da Emigración e na base de datos figura a información de entradas entre 1882 e 1933. Agora estanse volcando as identidades dos que chegaron ata os anos cincuenta. Abonda con dicir que entre 1857 e o 1920, segundo os libros oficiais de Rexistro, entraron 5.600.000 emigrantes, dos que 1.600.000 figuran como galegos. Esa magnitude non sei como medila. É como se a metade enteira do país fora unha balsa oceánica de corpos. Asociamos a emigración galega cunha maioría campesiña, mais na relación impresiona moito ver a relación de oficios, os miles de carpinteiros e as miles de costureiras. Mesmo os centos de panadeiros e barbeiros. E músicos. Ir facer pan, barbear ou tocar a Bos Aires! Velaí a forma humana da utopía.
O arxentino Hotel dos Emigrantes é parte esencial do territorio emocional de Galicia. Hoxe alberga ese gromo de Museo. O resto é un baleiro habitado, un silencio cheo de murmurios. Ganas dan de subir a brincos, de dous en dous, os chanzos das escaleiras, por ver se aínda sorprendemos demorado a algún dos nosos antergos. Un sente esa fruición das voces e dos corpos. O silencio en fileira da alfándega. Os murmurios de inquietude no paseo central que conducía cara ao consultorio médico. O balbordo e ruxe-ruxe polas grandes naves do hotel, o lugar da espreita, mulleres e nenos a un lado, e homes á parte. Tantos cruces de olladas, tantos amores concertados a primeira vista, corpos do desexo que logo, en moitos casos, se levarían como papaventos as grandes avenidas, os infindos espazos.
No Hotel máis importante da nosa historia, a maioría dos inmensos cuartos colectivos están baleiros de todo, tomadas as paredes polo expresionismo melancólico do tempo, mais aínda fica un deses dormitorios xigantescos con mil camas en ringleiras perfectas e feitas dunha soa lona mariñeira por enxeñería hixiénica, para evitar os lendieiros. Alí durmían miles de persoas a un tempo, viaxeiros amoreados con billete de terceira, pobremente vestidos e alimentados, mais con maletas de cartón ou madeira cheas de esperanza. Sentado nun deses leitos de lona, pensei no sistema de pesos e medidas. Se se pode medir o tempo e a cantidade de emigrantes, tamén podemos facer un cálculo das noites e da densidade dos soños dos que aquí pasaron a proba. Así que deberiamos ter un detalle co Hotel dos Emigrantes. Corresponder dalgún xeito. Pintar as paredes. Tellar as pingueiras. Contribuír ao desamparado Museo da Emigración. Colaborar no inxente traballo do Banco de Datos da Emigración.
Esa zona de Bos Aires está chea de altos e carísimos edificios de oficinas. Unha das visións máis espectaculares á que asistín foi ver descender como alpinistas de ciencia-ficción ducias de limpadores de vidros de rañaceos, só pendurados dunha corda.
O RELOXO QUE CONTABA AS HORAS CONTRA A TIRANIA
Se houbera que escoller un mapa das casas no universo galego, por xunto a Galicia metropolitana e a da diáspora, eu non tería ningunha dúbida en que o dedo sinalara de primeiras Chacabuco 955, no barrio de San Telmo. Alí está a sede da Federación de Sociedades Galegas.
Alén do valor arquitectónico, do que o predio da Federación non carece, hai casas que son como a arca do dioivo para un pobo. E este é o caso. A Federación constituíuse en 1921, con estatutos inspirados no entón exemplar Partido Socialista de Arxentina. Tivo sempre unha traxectoria convulsa, mais vizosa. Porque tivo ese xeito de arca no dioivo. Aquí sempre atopou refuxio a liberdade, cando estaba ameazada. Aquí atopou lealdade e un fogar de resistencia a República e o galeguismo antifascista. Aínda hoxe, cando entras na local, atopas o saúdo de amizade desa simbólica parella: a bandeira republicana e a galega. En compaña tamén dun pano branco das Nais da Praza de Maio. Mais axiña comprendes que estás noutro espazo, na zona verde dunha Galicia por onde non pasou “a doma e castración”. Alí manteñen un propio Museo da Emigración, onde cada peza pon os pelos crechos e activa os sentidos interiores da memoria e a imaxinación. Dende a máquina Remington de Castelao á carta que escribiu Pablo Picasso en colaboración coa resistencia. Alí custodian o primeiro xornal galego feito na emigración, El Gallego, de 1879, feito xa por exiliados e emigrantes cos azos de transformar Galicia. Aquí se fixo o célebre reloxo do Grove que contaba os minutos, as horas e os días da tiranía. Foi unha donación enviada dende América en 1930 e que desapareceu no 1936. U-lo reloxo do Grove?
Non foi doada a travesía para a Federación, hoxe en día presidida por Paco Lores, da estirpe dos homes que son quen de plantar cen mil árbores e algún máis. Como representante do Consello da Emigración, Lores foi quen de retrucar en público ao Rei e a Jose María Áznar. E tiveron que darlle a razón na protesta, porque a tiña.
Durante o franquismo, houbo un intento de ocupación da Federación, argallado dende a Embaixada española e con complicidades peronistas. A esquerda galeguista conseguiu recuperar a sede a pulso (por empregar un eufemismo). Na actualidade, a Federación presentou unha querela contra os responsabeis militares, do Primeiro Corpo do Exército, pola desaparición de 23 fillos de galegos durante a dictadura militar arxentina. No comezo dese réxime infame, houbo un atentado intentando queimar a Federación.
Mentres moitas asociacións emigrantes perderon o pulso, a enerxía, e pouco máis moven que os naipes nas mesas, a Federación está nun magnífico rexurdimento. É un obradoiro de cultura viva, ao que se está a incorporar moita xente nova, galaico-arxentina, de espírito vangardista e identidades compartidas. Esa corrente alternativa que sente tamén no Club de Lectura Galega do Tortoni. O máis célebre café literario de Bos Aires é un hábitat senlleiro na biodiversidade da Galicia entendida como rede igualitaria, que non se corresponde cun territorio senón cunha cultura do desexo. Ese país portátil que podemos levar enriba da cabeza. Ese universo de fontes, e fornos e pontes. Ese novo país de meigas e nigromantes que van de biblioteca en biblioteca, e danlle cada noite unhas cantas voltas á esfera. Ese país de Fíos Invisibles. Un sitio, un blog de Bos Aires, que é tamén a mellor metáfora do novo rexurdimento: aquel que vai superar a escisión entre Metrópoli e Diáspora e dará lugar a unha compartida Nación do Desexo.
(Suplemento Luces, El País, 11(5S/2007)

| Maio 12th, 2010 | Posted in Artigos, Emigración, Fotografía, Lugares da Memoria, Poemas |

Comments are closed.