CAMILO E FERMÍN: PREMIADOS, EXILIADOS

O Pedrón de Ouro (e Honra) vén de ser entregado a dous exiliados.
A simboloxía do metal atinou a pousar neses nomes que son ouro de lei, mais ten o efecto de subliñar, de paso, a baixa calidade do metal que rexe na Galicia oficial.
Camilo Nogueira é o Parnell galego. Non se fartaron nunca de tirarlle presadas de sal aos ollos. Non só os “outros”, senón tamén algúns dos “seus”.
Fermín Bouza é un dos mellores cerebros deste país do que segue expulsado dende a época de estudante antifascista en 1968.
Como dirían os franceses, e neste panorama, ambos os dous teñen o problema de ser trop: demasiado lúcidos, demasiado honestos, demasiado traballadores, demasiado prácticos, demasiado utópicos, demasiado galeguistas, demasiado demócratas, demasiado capaces. Demasiado proféticos, no sentido de velas vir.
Falo dende a perspectiva dun pretérito presente, porque teño a esperanza do remeiro: para mellor ver e saber onde ir, ponse de costas e olla coa memoria. Esculca as referencias, as coordenadas, naquilo máis valioso, nos lugares que emiten luz.
Camilo e Fermín.

| Maio 23rd, 2010 | Posted in Artigos |

Comments are closed.