A ENIGMÁTICA ORGANIZACIÓN (A Marcos Valcárcel)

Veñen as palabras reclamar o seu,
o subtraído.
Fóra dos campos de traballo,
móvense coidadosas como a porcelana
ou o primeiro día de abril.
Non osmas o recendo higrófilo
das súas follas de espiga,
a suor argonauta do seu gran?
Existen.
Existe o aviador que le braille na noite.
Existe a vesga que leva voces baixas
no seu paxe de ourizos.
Existe a boca da literatura,
a tola que fala soa
como unha medusa.
Existe a boca do pozo que enxamea,
polposa, mal falada,
protexendo os seus.
Existe outra saudade.
Existe o tren onde viaxa unha saudade
desposuída de tristura.
Dormen as palabras
baixo o alzheimer das pontes.
Nos sumidoiros desenvólvese a historia:
as falsas testemuñas torturan os poemas.
No tormento da asfixia,
perden o ar,
a valiosa información.
Salvaranse os que simulen a morte
nun esplendor de herba.
Ou os que lembren un romance de cego
onde todo se conta
sen esperanza e sen medo.
Ou aqueles que rescate a enigmática organización
das palabras en vilo.

| Maio 27th, 2010 | Posted in Fotografía, literatura, Poemas |

Comments are closed.